25 julio 2012

O GALEGUISMO NO NOSO DIA


Hoxe que vemos de celebrar o Día Nacional de Galicia, o Día da Patria Galega, o Día da nosa terra en definitiva, discútese por parte dos partidos nacionalistas a atribución do sentimento galeguista, por algúns dise que só o BNG, ANOVA ou CxG, son quen de defendelo, representalo e de abandeiralo. Pero non é certo, non é patrimonio de eles; A galeguidade, a defensa de Galicia, a súa defensa, o sacrificio para sacala adiante, reside soamente no pobo galego, en todos e cada un de nos que formamos o corpo da nosa Comunidade Autónoma, do noso sono de porvir compartido que representa a nosa cultura, o noso territorio, a nosa idiosincrasia e o que é mellor, o noso presente e o camiñar fronte o noso futuro.

Agora que vivimos nun momento de fonda crise, non só no económico, senón tamén no social, no político e tamén con moitos cantos de serea en contra das conquistas que temos acadado dende a aprobación do noso Estatuto de Autonomía, das nosas institucións e por ende da Constitución Española do 78 que prevé o estado das “nacionalidades” como é a nosa histórica por mor da loita de moitos anos de intelectuais pero tamén de xente de a pé, fito histórico os dos derradeiros 31 anos que non podemos deixar retroceder, e non podemos renunciar a eles, os nosos devanceiros leváronnos eiquí, e de eiquí segue o camiño. Eu dende logo vexo na Autonomía non un problema senón unha oportunidade, unha realidade, e un proceso que na nosa terra non pode ter volta atrás. A voz das galegas e os galegos por elo non se pode apagar, nen agochar pero non a representan soamente os partidos enriba ditos.

Unha cousa é ser galego, outra ser nacionalista, outra ser centralista e incluso independentista, pero nin uns son máis galeguistas, nin menos, por elo ninguén é quen de apoderarse do alcume pero inda menos dun sentimento tan profundo e noso. Ademais algúns dos mais sinalados devanceiros da nosa cultura e política xa o tiñan dito. Pega a pena lembrar nestes intres o dito por Castelao, e recollido na súa obra “Sempre en Galiza”, e cito textualmente: ”quero proclamar en letras de molde o que diximos moitas veces nos mitins de propaganda.Creemos que o separatismo é unha idea anacrónica e somentes o disculpamos como un movemento de desesperación que endexamais quixéramos sentir. Esto significa que os defensores da posición masimalista de Galiza non intentamos tronzar a solidaridade dos pobos hespañoes –reforzada por unha convivencia de séculos- senón máis ben posibilitar a reconstrucción da gran unidade hispana, ou ibérica.

Con total de que as nosas arelas federalistas se visen comprendidas, Galiza cedería voluntariamente dos seus dereitos todo canto fose indispensable para crear a soberanía do Estado hespañol; pero sendo demócratas verdadeiros e arelando a unión fraternal de tódolos leaes, estamos dispostos a ceder, tamén, da nosa posición doutrinal, canto sexa preciso para construirnos o futuro benestar da nosa Terra. Frente a un separador sentímonos intrasixentes, frente a un amigo sentímonos dispostos a pactar; frente a un irmán somos capaces de ceder parte do noso ideario.”

Das verbas dun dos máis grandes intelectuais galegos, despréndese baixo o meu punto de vista a comodidade que sentira de viviren o proceso constitucional de 1978, o máis parecido a un Estado de corte federal baixo a denominación de Autonomías, no que conviven as nacionalidades e rexións sempre baixo o paraugas da solidaridade entre todos os pobos que conforman o Estado. Non podemos dar as costas a realidade ademais de estar en Europa co que elo representa, nun intre da nosa historia no que a nova verba ven a ser a “globalización”. Pero esa realidade non debe afastarnos do noso sentimento galego, non debe afastarrnos da defensa do que nos é máis preto; porque a galeguidade non reside, como dixen, soamente no territorio, senón que reside no corazón, na alma de todos os galegos independentemente de onde atopémonos. O futuro está nas nosas máns, debemos pelexar arreo na defensa do noso, porque facéndolo defendemos o de todos.

Para rematar dicir só que eu son galego os 365 días do ano, que como galego tamén español, como dicía o falecido Manuel Fraga “ser galego é a miña forma de ser español”, hespañol que diría Castelao.

Viva Galicia non soamente este 25 de xullo senón todos os días do ano.

No hay comentarios: